Thursday 16 de May de 2024

O delegado territorial da Xunta na Coruña recibiu ao novo equipo directivo da Federación Unión Comercio Coruñesa


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, recibiu esta tarde á nova xunta directiva da Federación Unión Comercio Coruñesa (FUCC), que vén de tomar posesión, encabezada polo presidente dos comerciantes da Cidade Vella, Adolfo López. No encontro tamén estiveron presentes Antonio Deus, da asociación da Falperra, como vicepresidente; José Alejandro Salgado, dos Mallos, secretario; María José da Ponte, do Distrito Picasso, tesoureira, e Rafael Selectos, das Conchiñas, en calidade de vogal.

O delegado interesouse pola actividade que desenrola a Federación, que representa a máis de 2.000 pequenos comerciantes da cidade da Coruña. Adolfo López, pola súa banda, sinalou que a asociación ten como obxectivo fomentar a actividade comercial da cidade, mantendo reunións periódicas e animando a outros colectivos a unirse. A día de hoxe a FUCC aglutina a 18 asociacións doutros tantos barrios da capital coruñesa. Delegado e directiva falaron dos proxectos que a asociación manexa e quedaron emprazados para un novo encontro no que estudarán máis polo miúdo as posibilidades de colaboración.